Thursday 02 de May de 2024

Fabiola García sinala que a desescalada nas Residencias continúa de forma progresiva coa felxibilización das visitas e as saídas


Os residentes poden recibir ata tres visitas semanais por parte de calquera ser querido e realizar ata tres saídas á semana de ata catro horas de duración

A conselleira de Política Social, Fabiola García, sinalou que a desescalada nas residencias continúa de forma progresiva coa flexibilización das visitas e as saídas. A titular do departamento autonómico apuntou que as medidas foron entendidas e respectadas por usuarios e familiares durante esta primeira fin de semana durante unha visita á residencia coruñesa Torrente Ballester, na que estivo acompañada do delegado da Xunta nesta provincia, Gonzalo Trenor.

Fabiola García explicou que desde o pasado venres, as persoas maiores que viven en residencias poden recibir ata tres visitas individuais á semana, con cita previa e por parte de calquera familiar ou ser querido; e realizar ata tres saídas semanais de catro horas de duración. Unha ampliación das medidas que permitirá “devolverlles parte da súa liberdade logo dun ano moi duro”, sinalou.

A conselleira asegurou que a vacinación supuxo un punto de inflexión nas residencias de maiores e persoas con discapacidade. Neste sentido, concretou que nestes momentos hai cero casos positivos entre os traballadores e usuarios destes centros, o que permite poñer a vista no avance da flexibilización progresiva das medidas de prevención fronte ao virus.